Terceira vitoria consecutiva fóra da casa para o Monbus Obradoiro

Álex Galán comezou o partido de doce, anotando dous triplas consecutivos e capturando un rebote. Isto, xunto cunha canastra de Anjos e outra de Westermann, outorgaba ao Monbus Obradoiro un parcial inicial de 0-10. Con cambios e un tempo morto polo medio, o conxunto local tentou cambiar a dinámica, mais, aínda que comezou a anotar os seus primeiros puntos, os galegos xa se escaparan no marcador (5-15).

Pasada a metade do cuarto, o Alimerka Oviedo aproveitou dous erros rivais para recortar distancias e situarse a cinco puntos (13-18). A pesar de que nos minutos finais os locais lograron achegarse, un arreón final dos de Epi permitiulle ao Obradoiro pechar o primeiro cuarto sete arriba (20-27).

No segundo período, o Monbus Obradoiro golpeou primeiro e conseguiu ampliar a súa vantaxe ata os once puntos (20-31). Porén, co paso dos minutos, os asturianos repetiron a tónica do primeiro cuarto, mellorando en eficacia e reducindo a diferenza a só cinco (35-40). Unha falta nos últimos segundos permitiulles anotar dende a liña e deixar o marcador en 37-40 ao descanso.

Tras a reanudación, a diferenza mantívose arredor dos tres puntos durante os primeiros compases, chegando mesmo a reducirse a un (41-42). Cando o partido estaba máis igualado, apareceu Leo Westermann con dous triplas consecutivos que volveron abrir fenda para os galegos (44-53).

O Alimerka Oviedo volveu reaccionar e colocouse a só tres puntos cando quedaba algo máis dun minuto e medio para o final do terceiro cuarto. Aínda que o Monbus Obradoiro tentou recuperar marxe de cara ao último parcial, os locais pecharon o cuarto cun axustado 57-58.

Os últimos dez minutos comezaron cos ovetenses poñéndose por primeira vez por diante. Galán respondeu cunha canastra que devolvía a vantaxe aos composteláns, que pouco despois recuperaron unha renda de cinco puntos (59-64). A alegría durou pouco, xa que o equipo local empatou o encontro.

En tres xogadas consecutivas e con tres minutos por xogar, o Monbus Obradoiro conseguiu un parcial de seis puntos que o situou sete arriba (66-73). Esa diferenza resultou definitiva, e os galegos acabaron impoñéndose por 75-79, asinando así a súa terceira vitoria consecutiva fóra da casa, no que foi tamén o seu terceiro desprazamento seguido.


Ficha técnica


75 – Alimerka Oviedo: M. Townes (13), A. Faure (3), G. Parham (17), D. Duscak (6), F. Copes (0), D. Shelist (7), Hermanson (4), Nwaokorie (5), R. Cosialls (8), K. Arias (0), R. Lobaco (12).


79 – Monbus Obradoiro: Denzel Andersson (0), Felipe dos Anjos (10), Leo Westermann (12), Alonso Grela (0), Dejan Kravic (9), Aitor Etxeguren (0), Yunio Barrueta (10), Diogo Brito (8), Sergi Quintela (2), Álex Barcello (9), Olle Lundqvist (8), Alejandro Galán (11).


Parciais: 20-27, 37-40, 57-58, 75-79.


Árbitros: Paula Lema, Francisco González Cuervo e Alejandro Benavente Parra.


Incidencias: Partido correspondente á sexta xornada da Primeira FEB, disputado no Palacio dos Deportes de Oviedo.

Destacado