O Colexio M. Peleteiro comezou este curso a implantar o programa Tutoría Entre Iguais (TEI), un programa de convivencia para a prevención da violencia e do acoso escolar. O seu obxectivo é mellorar a integración escolar fomentando que as relacións entre compañeiros sexan máis satisfactorias.
Está baseado na tutorización emocional entre iguais: o alumnado maior tutoriza emocionalmente aos seus compañeiros de dous cursos menores. Neste primeiro ano, os alumnos de 5 anos son “amigos maiores” dos de 3 anos; os alumnos/as de 5º de Primaria son “titores” dos de 3º de Primaria e os de 3º de ESO son titores dos de 1º de Secundaria. Con isto, o alumno titor séntese protagonista na construción dun entorno escolar seguro, solidario e libre de violencia.
Co fin de reforzar este protagonismo, o programa contempla actos institucionais ao longo do curso. O primeiro deles tivo lugar esta mañá: os xogadores do Obradoiro CAB converteronse en padriños da primeira promoción TEI. Foron elixidos porque representan, dentro e fóra da cancha, os mesmos valores que se promoven no Colexio.
Máis de 200 alumnos de 5º de Primaria e 3º de ESO do Colexio Peleteiro participaron esta mañá nunha cerimonia de apadriñamento, que tivo lugar no Multiúsos Fontes do Sar cos xogadores do primeiro equipo. O acto comezou coa lectura, por parte dunha estudante de 2º de Bacharelato, da carta a través da cal se lle pediu ao club que se convertese en padriños: “Os valores do deporte que demostrádes —o respecto ao rival, o traballo en equipo e non rendirse nunca— son a lección máis importante que nos dais. O voso lema Todos Xuntos inspirounos. Resume o que vale o esforzo conxunto. Por iso, e porque sodes un exemplo brutal de valores, pedímosvos algo super especial: ¿Aceptades ser os nosos Padriños de Honra da primeira promoción TEI do Colexio Peleteiro?”, e a continuación asignaron un valor a cada un dos xogadores polo que representan: traballo en equipo, perseveranza, honestidade, coraxe, resiliencia, xenerosidade, respecto, esforzo, sentido de pertenza, responsabilidade, empatía, solidariedade e disciplina.
A resposta do Obradoiro CAB tamén foi moi emotiva: “Podemos asegurarvos que no vestiario non hai títulos, nin puntos, nin xogadas que nos fagan sentir tan orgullosos como ser o voso espello de valores. Por iso, o equipo do Obradoiro acepta co máximo honor o rol de Padriños do voso programa TEI. O voso lema, Aquí estou para ti, é o eco do noso berro de guerra: Todos Xuntos”, indicou Sergi Quintela, un dos capitáns do equipo.
“En primeiro lugar dicirvos –continuou a súa intervención o xogador– que o acoso escolar e a violencia NON SON UN XOGO. Na cancha, se un xogador é violento, é expulsado de inmediato. No colexio debe ser igual: Tolerancia Cero ante calquera forma de bullying. Pedímosvos, como titores e líderes, que asumades este rol coa máxima responsabilidade. Non se trata só de ser un ombreiro no que apoiarse; trátase de intervir, denunciar e protexer. A valentía demóstrase cando te metes na xogada que ninguén quere xogar, cando tiras a canastra cando o balón queima. A Empatía é facer un “Pick & Roll” perfecto para que outros poidan vivir tranquilos.
Engadiu ante os alumnos de Peleteiro que: “tendes que poñervos na pel do outro. Só entendendo de verdade o medo ou a soidade dun compañeiro poderedes defendelo e apoialo de forma efectiva. Coñecemos a educación que recibides en Peleteiro, busca un gran desempeño académico, pero tamén o persoal; a suma dos dous levaravos á vitoria en calquera cancha. ¡A vosa educación é o voso superpoder!”.
Para rematar, o Colexio entregou unha placa ao Club e os alumnos recibiron das mans dos xogadores o diploma de nomeamento como titores.