Noticia

O estremeño Alejandro Galán renova co Monbus Obradoiro

Antes de incorporarse ao conxunto compostelán no verán de 2024, Galán militou no Leyma Coruña, onde foi unha peza clave no ascenso á Liga Endesa baixo a dirección de Epi. Nese equipo coincidiu tamén con Olle Lundqvist, quen agora tamén formará parte do cadro de xogadores do Obradoiro.
Con 25 anos e 2,07 metros de estatura, Galán disputou 32 partidos co Monbus Obradoiro na última tempada, asinando unha media de 5 puntos, 2,4 rebotes e 0,7 asistencias por encontro.
Para o novo adestrador do conxunto de Santiago, esta renovación supón a continuidade “dun xogador que xa sabe o que é pertencer ao club, tras a súa chegada a pasada tempada. Ademais, xa compartín vestiario con el”.
“Pode xogar nas posicións 4 e 5. Destaca pola súa potencia física, o seu esforzo defensivo, a súa actitude positiva e o seu compromiso co equipo. Boas condicións defensivas que axudan a subir o nivel dos equipos nos que xogou. Progresión nas súas achegas ofensivas nas últimas tempadas, destacando a súa capacidade para correr a pista, facer bos bloqueos, finalizar preto do aro, abrir o campo con bos porcentaxes desde a liña de 3 puntos e cargar o rebote ofensivo”.
Desde o club estamos moi contentos de que Galán continúe un ano máis no equipo. Tras a súa primeira tempada xa está adaptado ao equipo e á cidade, polo que estamos seguros de que nos dará o seu máximo moi pronto.

Destacado