O Monbus Obradoiro desfruta cunha vitoria ante o seu público

O encontro comezaba con algo que xa se converteu nunha tradición: ver a Felipe dos Anjos colgarse do aro. O conxunto burgalés non estaba disposto a permitir que os composteláns abrisen distancias, e cunha gran presión defensiva conseguía manter o marcador igualado nos primeiros compases.

Pasada a metade do primeiro cuarto, facíase patente a superioridade local. A boa efectividade en ataque de Barrueta, dos Anjos e Andersson, con cinco puntos cada un, permitía que o Monbus Obradoiro se adiantase en 11 puntos sobre o seu rival (19-8). O equipo de Epi construía o seu xogo desde a defensa, provocando que os visitantes permanecesen preto de sete minutos sen anotar. O primeiro asalto remataba cos locais acadando unha vantaxe que lles daría moita tranquilidade para o resto do encontro: +18 (30-12).

A tónica do segundo cuarto foi semellante. Tras un inicio equilibrado, con canastras para ambos equipos, os galegos volveron tomar o control e superaron os 20 puntos de diferenza pasados tres minutos de xogo (38-18). Yunio Barrueta, con quince puntos, convertíase no máximo anotador do partido, impulsando ao seu equipo ata a media centena (50-27). O Monbus Obradoiro mantivo durante todo o período a vantaxe lograda no primeiro cuarto e marchou ao descanso cun sólido +21 (54-33).

O cronómetro volvía poñerse en marcha e nos primeiros dous minutos e medio só se rexistraba unha anotación. O partido seguía tendo como protagonista un Obradoiro dominante que, aínda que con menos acerto ofensivo que nos cuartos anteriores, continuaba mandando no marcador e traballando arreo para evitar a reacción do rival (62-37). O penúltimo asalto pechouse cun parcial de 18-17 que deixaba a vitoria xa moi preto dos locais (72-50).

Nos últimos dez minutos, pouco podían facer os burgaleses mentres os composteláns mantivesen a intensidade. A cinco minutos do pitido final, o encontro xa tiña un claro vencedor: os máis de vinte puntos de diferenza resultaban insalvables para o conxunto castelán-leonés (83-57).

O Monbus Obradoiro levou tamén o parcial do último cuarto e pechou unha gran vitoria con 25 puntos de vantaxe (93-68), demostrando solidez, equilibrio e unha afección que volveu desfrutar no Fontes do Sar.


Ficha técnica


93 - Monbus Obradoiro: Denzel Andersson (7), Felipe dos Anjos (9), Leo Westermann (10), Alonso Grela (0), Dejan Kravic (9), Aitor Etxeguren (0), Yunio Barrueta (16), Diogo Brito (4), Sergi Quintela (10), Alex Barcello (12), Olle Lundqvist (5), Alejandro Galán (11).


68 - Grupo Ureta Tizona Burgos: Marquis Jackson (10), Felix Terins (2), Arnau Parrado (5), Ramón Vilá (11), Gabriel Gil (0), Andy Huelves (9), Jan Zidek (9), Javonte Brown (11), Alberto Alonso (3), Rodri Seoane (0), Gerard Jofresa (8), Ayoze Alonso (0).


Cuartos: 30-12, 54-33, 72-50, 93-68.


Árbitros: Ángel de Lucas de Lucas, Mikel Cañigueral Novel, Carlos Gallego Rodríguez.


Incidencias: Partido correspondente á sétima xornada da Primeira FEB, disputado no Multiusos Fontes do Sar ante 4.370 espectadores.

Destacado