Noticia

O Monbus Obradoiro pon á venda as súas camisetas oficiais

Os seareiros obradoiristas xa poden facerse coa nova pel do equipo. O Monbus Obradoiro puxo á venda as camisetas da primeira e segunda equipación da tempada 25/26, ademais do cubre de quecemento, nunha promoción especial que estará dispoñible só en liña ata o domingo 14 de setembro ás 23:59 horas.

O prezo das camisetas é de 55 euros, aínda que os abonados desta tempada gozarán dun 10% de desconto. O mesmo acontece co cubre de quecemento, que custa 40 euros e tamén inclúe rebaixa para abonados.

Como extra, os compradores poderán personalizar de balde a súa camiseta, unha oportunidade perfecta para levar o nome e o número favorito ás costas. No caso de personalizar a túa camiseta, non a poderás devolver posteriormente.

Unha vez comprada, a prenda estará lista para recollerse nas oficinas do club, no Multiusos Fontes do Sar, nun prazo aproximado de 3 a 4 semanas.

O Obradoiro anima a todos os seus seguidores a non deixar pasar esta ocasión de vestir as cores do equipo e acompañar ao club coa nova equipación oficial.

En breve, seguiremos mantendo informados a todos os abonados sobre como adquirir as equipacións do Obradoiro nunha tenda física, así como doutros produtos de merchandising que sairán á venda.


Destacado