Vitoria traballada para o Monbus Obradoiro

O partido comezou con moita igualdade nas primeiras posesións. Os visitantes achegaron desde o inicio unha gran intensidade defensiva, dificultando que os locais puidesen anotar con continuidade. A mediados do cuarto, o marcador reflectía perfectamente o visto na pista: 12-10. Un moi bo Alex Barcello sumaría rapidamente dez puntos ao seu casilleiro particular para que os seus tomasen a maior vantaxe ata o momento, +6 (21-15). As forzas continuaron igualadas, pero esa vantaxe inicial serviu aos locais para levar o primeiro asalto (29-26).

O Monbus Obradoiro comezou o segundo cuarto con forza, pero un triplo rival e unha perda tras o saque fixeron que os baleares devolvesen a emoción á pista (33-32). Alex Galán, con catro puntos consecutivos, evitou que o rival lle dese a volta ao marcador (42-36). Pouco despois, Diogo Brito, desde a liña de 6,75, establecía a maior vantaxe ata o momento: +9. Antes de rematar o cuarto houbo tempo incluso para ver o debut de Micah Speight coa camiseta do Monbus Obradoiro. Ao descanso, o resultado deixaba todo por decidir (52-47).

Aínda que o terceiro cuarto comezaba cunha canastra de Sergi Quintela, o Fibwi Palma esforzouse en reducir distancias e axiña se puxo a só dous puntos (54-52). A igualdade era máxima e, malia os intentos dos locais por fuxir, non lograban frear o acerto visitante. Superado o ecuador do período, o equipo dirixido por Pablo Cano situábase por diante (63-64). A pouco máis de dous minutos para o final, os de Epi recuperaban a vantaxe e alcanzaban o +4 (71-67). O cuarto rematou co marcador moi igualado: 76-71, a falta de dez minutos por disputarse.

Sergi Quintela, desde o triplo, inauguraba o último cuarto para os de Santiago. Comezou entón un intercambio de triplos que continuou con dous lanzamentos convertidos por Juan Bocca para os visitantes e un máis de Leo Westermann para os locais (82-77). Pouco despois, o Monbus Obradoiro acadaba unha renda de 12 puntos (89-77). Os baleares, sen baixar os brazos, lograron reducir a diferenza a oito (89-81). Porén, o Obradoiro fíxose forte na casa, arroupado pola súa afección, e acabou levando a vitoria por 99-89.


Ficha Técnica


99 - Monbus Obradoiro: Micah Speight (0), Denzel Andersson (7), Felipe dos Anjos (4), Leo Westermann (6), Dejan Kravic (12), Aitor Etxeguren (0), Yunio Barrueta (6), Diogo Brito (14), Sergi Quintela (7), Alex Barcello (17), Olle Lundqvist (15), Alejandro Galán (11).


89 – Fibwi Mallorca Bàsquet Palma: Laron Smith (9), Loic Menuge (7), Juan Bocca (6), Albert Bosch (4), Osvaldas Matulionis (0), Óscar Siquier (10), Joan Ander Aramburu (14), Lucas Capalbo (0), Jorge Martínez (10), Lysander Bracey (0), Brian Vázquez (20), Pedro Bombino (9).


Cuartos: 29-26, 52-47, 76-71, 99-89.


Árbitros: Juan P. Morales Gª-Alcaide, Pablo Rodríguez Fernández, Laura Piñeiro Amondaray.


Incidencias: Partido correspondente á novena xornada da Primeira FEB, disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 4.429 espectadores.

Destacado