Vitoria compostelá en terras romanas

Con accións de Alejandro Galán e Yunio Barrueta, o Monbus Obradoiro comezou o partido poñéndoo de cara (0-5). Aínda que nos primeiros minutos non conseguiu despegarse con claridade, notábase que o conxunto galego tiña o xogo baixo control. No ecuador do primeiro cuarto, o marcador reflectía un 5-12. O resto do período tamén foi dominado en boa medida polos visitantes, que mantiveron un ritmo alto e pecharon os primeiros dez minutos cunha vantaxe de +13 (15-28).

A pelota volveu poñerse en xogo e os galegos demostraron de novo a súa autoridade, ampliando a diferenza. Tras apenas un minuto do segundo cuarto, xa se situaban 17 puntos arriba (17-34). Porén, chegou a reacción local, que rompeu o ritmo imparable do Monbus Obradoiro e reduciu a distancia a só oito puntos (32-40). Pero un parcial de 0-11 nos últimos tres minutos e medio devolveu unha ampla vantaxe para os de Epi, que se foron ao descanso con +19 (32-51).

Tras a pausa, o Grupo Caesa FC Cartagena saíu máis concentrado e un parcial de 6-0 obrigou Epi a pedir un tempo morto (38-51). A resposta visitante non se fixo agardar e, apenas un minuto despois, o Obradoiro volvía colocarse 22 arriba (40-62). O control do partido era total por parte do conxunto compostelán, que non cedeu terreo e tamén se levou o terceiro cuarto, deixando o duelo practicamente sentenciado cunha vantaxe de +25 (52-77).

No último período, os visitantes golpearon primeiro grazas a un triplo de Sergi Quintela. O ritmo do partido foi diminuíndo co paso dos minutos e, aínda que a distancia parecía xa insalvable, os cartaxineiros non se renderon. A falta de pouco menos de catro minutos, o marcador mostraba un 65-86. As últimas posesións remataron por confirmar a vitoria do Monbus Obradoiro, que sumou así o seu sexto triunfo consecutivo (68-94).


Ficha Técnica


66 – Grupo Caesa FC Cartagena: Adrián Saavedra (0), David Yáñez (0), Teemu Suokas (2), Isaiah Rivera (13), Alberto Martín (2), Miguel Ayesa (3), Robinson Idehen (4), Adrià Domenech (10), Vitor Faverani (17), Alex Harguindey (1), Spencer Svejcar (9), Amari Kelly (7).


94 – Monbus Obradoiro: Rodrigo Díaz (0), Denzel Andersson (9), Felipe dos Anjos (6), Leo Westermann (16), Dejan Kravic (6), Aitor Etxeguren (4), Yunio Barrueta (8), Diogo Brito (16), Sergi Quintela (5), Alex Barcello (13), Olle Lundqvist (6), Alejandro Galán (5).


Cuartos: 15-28, 32-51, 52-77, 68-94.


Árbitros: Daniel Checa Nebot, Juan Gabriel Carpallo Miguelez, Alejandro López Lecuona.


Incidencias: Partido correspondente á oitava xornada da Primeira FEB disputado no Palacio de Deportes de Cartagena.

Destacado