Crónica

Peche da primeira volta con vitoria

Despois de que os locais non aproveitasen a primeira posesión, foron os alacantinos quen abriron o marcador. Aínda que o encontro se mantivo igualado nos seus primeiros compases, os visitantes acadaron unha renda de sete puntos (2-9). Malia os intentos do Obradoiro por recortar diferenzas, o HLA Alicante seguía anotando dende a liña exterior, con Kevin Larsen como protagonista (4-14). Tras un tempo morto solicitado por Diego Epifanio, o seu equipo reaccionou e, cun parcial de 9-0, volveu meterse no partido (13-14). Os últimos minutos do cuarto foron favorables aos visitantes, que pecharon o período cunha vantaxe de sete puntos (17-24).

No segundo cuarto, Sergi Quintela, con dúas anotacións consecutivas, reduciu diferenzas, e pouco despois Micah Speight, dende a liña de 6,75 metros, estableceu o empate (24-24). Non tardaron moito os de Santiago en poñerse por diante por primeira vez no partido. Diogo Brito e un gran Alejandro Galán, cun tapón e posterior mate, colocaban o +3 para os locais (29-26). Nos minutos previos ao descanso, o Monbus Obradoiro soubo manter a vantaxe e marchou aos vestiarios cun axustado 44-41.

Case dous minutos tiveron que transcorrer para que chegase a primeira canastra do terceiro período. Os de Rubén Perelló achegábanse no marcador, mentres que os galegos loitaban por manter unha pequena distancia de seguridade (46-43). Co paso dos segundos, o conxunto compostelán foi gañando confianza ata acadar o +9 (54-45). Durante todo o cuarto, os locais conseguiron soster a súa vantaxe e deixaron o marcador en 62-55 a falta de dez minutos para o final.

Os primeiros puntos do último período foron para os visitantes, pero Alejandro Galán respondeu dende a liña de tres para devolver o +7, e pouco despois Alex Barcello repetiu dende o perímetro para colocar o +10 (68-58). A cinco minutos do final, o Monbus Obradoiro xa marchaba con 16 puntos de vantaxe, deixando practicamente sentenciado o encontro (76-60). A vitoria quedou finalmente en Santiago de Compostela cun resultado final de 87-75.


">Ficha técnica">

87 – Monbus Obradoiro: Micah Speight (3), Felipe dos Anjos (18), Leo Westermann (14), Alonso Grela (2), Dejan Kravic (4), Aitor Etxeguren (0), Yunio Barrueta (9), Diogo Brito (5), Sergi Quintela (11), Alex Barcello (16), Diego Serguei (0), Alejandro Galán (5).


75 – HLA Alicante: Unai Mendicote (5), Sebastián Aris (8), Jean-Marc Mwema (11), Eddy Polanco (12), Boubacar Coulibaly (4), Kevin Larsen (3), Ismael Tamba (0), Tucker Richardson (12), Alejandro Jordá Rodríguez (5), Deng Geu (12), Sergio Llorente (0), Mike Torres (3).


Parciais: 17-24, 44-41, 62-55, 87-75.


Árbitros: Germán Morales Ruiz, Pol Franquesa Vázquez, Manuel Andrés Seijo Vázquez.


Incidencias: Partido correspondente á décimo sétima xornada da Primeira FEB disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 4.944 espectadores.

Categorías
Destacado