Crónica

Vitoria para facer do Sar un fortín

Ambos equipos se tantearon nos primeiros compases do partido, pero a falta de acerto no tiro exterior do Monbus Obradoiro —con cero de cinco en triplas— mantiña o marcador nunha igualdade absoluta (6-6). Pouco despois comezaron a caer as triplas en ambos lados da pista, o que levou o resultado ao 15-17 a falta de catro minutos para o final do cuarto. A dinámica non mudou nos instantes finais e unha tripla de Mateo Díaz outorgou a última vantaxe do período aos visitantes (23-25).

Nada máis comezar os seguintes dez minutos, Olle Lundqvist colocou ao Monbus Obradoiro por diante con dúas canastras consecutivas na pintura, a segunda tras un bo roubo (27-25). Antes do ecuador do cuarto, os locais asinaron un parcial de 11-1 que lles permitiu acadar unha vantaxe de +8. Unha posterior tripla de Yunio Barrueta obrigou a Iñaki Martín a pedir tempo morto (37-26). Nos últimos minutos antes do descanso, o Flexicar Fuenlabrada conseguiu recortar diferenzas e marchar aos vestiarios nove puntos abaixo (46-37).

O equipo visitante comezou con máis forza a segunda metade, reducindo a desvantaxe a sete puntos (49-42). Aínda así, os de Diego Epifanio souberon reaccionar e manter o control ante un rival que comezaba a ceder (56-46). A menos de dous minutos para o final do terceiro cuarto, os galegos acadaron a súa maior vantaxe ata o momento, +22 (68-46). Cun parcial de 26-12, o Obradoiro pechou o período co partido moi encamiñado (72-49).

No último cuarto, os locais só tiveron que manter o ritmo, e así o fixeron. Aos dous minutos de xogo xa acadaran unha diferenza de +29 que deixaba o duelo practicamente sentenciado (79-50). O dominio compostelán mantívose, ampliando a vantaxe ata +31 a tres minutos e medio do final (92-61). Finalmente, os corenta minutos concluíron cunha clara vitoria do Monbus Obradoiro grazas á súa ampla superioridade no marcador (97-69).


Ficha Técnica


97 – Monbus Obradoiro: Micah Speight (6), Denzel Andersson (7), Felipe dos Anjos (4), Leo Westermann (3), Dejan Kravic (12), Aitor Etxeguren (1), Yunio Barrueta (11), Diogo Brito (8), Sergi Quintela (6), Alex Barcello (18), Olle Lundqvist (12), Alejandro Galán (9).


69 – Flexicar Fuenlabrada: Mateo Díaz (11), Vitor Benítez (15), Daniel Manchón (11), Pablo Suárez (3), Pablo Rodríguez (4), Daniil Stolbestkiy (7), Adrián Gómez (0), Paul Rigot (8), Romaric Belemene (7), Jonathan Kasibabu (3).


Cuartos: 23-25, 46-37, 72-49, 97-69.


Árbitros: Asier Quintas Álvarez, Rodrigo Palanca Page, Cristina Adán Rodríguez.


Incidencias: Partido correspondente á décima xornada da Primeira FEB, disputado no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela ante 4.768 espectadores.

Categorías
Destacado