Crónica

O Monbus Obradoiro voa en Mallorca

Tras o salto inicial, Alex Barcello foi o primeiro en abrir a lata desde a liña de tiro libre. Seguírono Felipe dos Anjos, Leo Westermann desde o triplo e Yunio Barrueta, que xuntos pecharon un parcial de 0-9. A máquina obradoirista continuou rendendo ao máximo nivel e, tras un roubo de Barcello, aumentou a distancia ata os 14 puntos cando restaban catro minutos por disputarse (6-20). Aínda houbo tempo para que, con Diogo Brito colgado do aro, os visitantes ampliasen a vantaxe ata os 24 puntos cun minuto por xogarse (6-30). O primeiro asalto pechouse cun triplo balear que non empañou o magnífico inicio dos galegos (9-30).

Os primeiros minutos do segundo período foron máis igualados, aínda que se mantiña a ampla vantaxe obradoirista (14-34). Mellorou o acerto exterior mallorquino, pero Diego Epifanio conseguiu que os seus non se relaxasen, ampliando de novo a renda ata os 24 puntos con pouco menos de catro minutos para o descanso (22-46). Felipe dos Anjos, desde a liña de tiro libre, levou ao Monbus Obradoiro ata a barreira dos sesenta puntos. Os xogadores marcharon aos vestiarios cunha penetración de Sergi Quintela sobre a bucina que colocou a maior vantaxe ata o momento: 32 puntos (29-61).

Co regreso do xogo ao parqué de Son Moix, o Palmer Basket Mallorca Palma foi o primeiro en anotar, aínda que pouco tardaron os visitantes en tomar de novo a iniciativa cun parcial de 0-12 en catro minutos (31-73). O resto do cuarto foi un auténtico monólogo do Monbus Obradoiro, que posesión tras posesión seguiu ampliando a súa vantaxe. A falta de tres minutos, o marcador reflectía un contundente 35-83. O terceiro período rematou cunha renda xa insalvable para os locais: +52 (38-90).

Nada máis comezar o último asalto, os galegos acadaron a súa maior vantaxe ata o momento cun triplo de Alejandro Galán e unha boa bandexa de Dejan Kravic (+57, 38-95). O propio Kravic foi o encargado de levar aos visitantes ata a centena de puntos, sen que o Obradoiro levantase o pé do acelerador (41-101). Finalmente, o Monbus Obradoiro levouse a vitoria por 70 puntos de diferenza, acadando a maior renda da historia nun partido de Liga (45-115).


">Ficha técnica

45 – Palmer Basket Mallorca Palma: Hansel Atencia (4), Danny Agbelese (0), Duda Sanadze (2), Adrián Chapela (6), Ander Urdiain (9), Golden Dike (0), Jesús Carralero (2), Joan Feliu (6), Nuno Sá (9), Joshua Roberts (5), Ángel Comendador (2), Archange Izaw-Bolavie (0).


115 – Monbus Obradoiro: Micah Speight (7), Denzel Andersson (8), Felipe dos Anjos (13), Leo Westermann (13), Alonso Grela (2), Dejan Kravic (12), Aitor Etxeguren (10), Yunio Barrueta (14), Diogo Brito (9), Sergi Quintela (8), Alex Barcello (11), Alejandro Galán (8).


Parciais: 9-30, 29-61, 38-90, 45-115.


Árbitros: Jorge Baena Criado, Eva Areste Giralt, Nicolás Murillo Khon.


Incidencias: Partido correspondente á décimo terceira xornada de Primeira FEB disputado no Poliesportiu Son Moix de Palma de Mallorca.

Categorías
Destacado