O Monbus Obradoiro tira de épica para asaltar Madrid

O partido comezou con boa dinámica por parte de ambos equipos. Os galegos puxéronse por diante ao lograr a primeira posesión, pero axiña se igualou a contenda. Superado o ecuador do cuarto, os visitantes lograban dobrar a puntuación rival grazas á súa boa eficacia ofensiva (6-12). A dinámica do primeiro acto mantívose ata o final. O Monbus Obradoiro estivo arriba no marcador en todo momento, cun Movistar Estudiantes que loitaba por igualar. Os primeiros dez minutos remataron cos galegos seis arriba (18-24).

Os madrileños golpearían primeiro no segundo asalto, pero Quintela replicaba desde a liña exterior. Ante a insistencia local por igualar o partido, Epi pediu tempo morto para frear o rival e dar instrucións aos seus (28-31). Funcionou, pois os galegos conseguiron aguantar por enriba. A pouco máis de tres minutos para o descanso, Movistar Estudiantes púñase a -1, pero un triplo de Yunio Barrueta daba aire aos visitantes (33-37).
Xa no último minuto e medio, Granger empataba o encontro desde 6,75 (39-39). Nos últimos segundos quedaba todo por decidir, pero un tiro libre de Sergi Quintela daba vantaxe ao Monbus Obradoiro ao descanso (39-40).

Tras o paso por vestiarios, os xogadores voltaron á pista do Movistar Arena e os locais puxéronse por diante grazas a un mate de Vaulet. Yunio Barrueta volvía aparecer para devolver a dianteira momentánea ao seu equipo (41-43). Pese a unha boa defensa, varios erros en ataque do Monbus Obradoiro deron pé a un intercambio de golpes sen que ninguén impuxese o seu xogo (44-46).

Aínda que os de Santiago de Compostela chegaron a estar a +6, Movistar Estudiantes reactivouse para recortar de novo a diferenza a un punto (49-50). A dous minutos e medio para o final do cuarto, os da capital volvían poñerse arriba e, desde o triplo, acadaban a súa maior vantaxe ata o momento: +4 (56-52).
Denzel Andersson, desde a distancia, evitaba que o rival se escapase, aínda que os madrileños, con Nwogbo desde o tiro libre, seguían facendo dano. O terceiro cuarto rematou cunha “bombita” de Sergi Quintela que deixaba todo aberto (60-57).

No último período, o Monbus Obradoiro volvería poñerse por diante grazas á eficacia exterior de Yunio Barrueta (62-63). Chegaban minutos de moita tensión nas bancadas do Movistar Arena, con todo por decidir. Aínda que o Estudiantes chegou a estar sete puntos arriba, o cadro compostelán non baixou os brazos e, a 2:50 para o final, Alex Barcello anotaba un triplo que devolvía o mando aos visitantes (74-76).
A un minuto do final o marcador reflectía un empate a 76. Nwogbo, desde o tiro libre, poñía aos locais arriba, pero Dos Anjos igualaba a 78.


Ficha técnica

78 – Movistar Estudiantes: A. González (0), A. Brimah (4), L. Giovanneti (0), G. Filipovic (3), S. Salin (15), J. Granger (5), T. McGrew (9), H. López (0), J. Vaulet (6), L. Nwogbo (14), P. Garino (12), O. Silveiro (10).


79 – Monbus Obradoiro: Denzel Andersson (3), Felipe dos Anjos (10), Leo Westermann (6), Alonso Grela (0), Dejan Kravic (4), Aitor Etxeguren (0), Yunio Barrueta (14), Diogo Brito (1), Sergi Quintela (15), Alex Barcello (15), Olle Lundqvist (11), Alejandro Galán (0).


Cuartos: 18-24, 39-40, 60-57, 78-79.


Árbitros: Leandro Nicolás Lezcano, Juan Ramón Hurtado Almansa, Jordi Domingo Vilalta.


Incidencias: Partido correspondente á quinta xornada da Primeira FEB disputado no Movistar Arena de Madrid.

Destacado