
Está previsto que os xogadores comecen a chegar a Santiago de Compostela durante a vindeira semana. As revisións médicas realizaranse entre o xoves 14 e o propio luns 18, día no que comezará o traballo na pista.
O calendario de partidos amigables tamén comeza a definirse e contará con varias citas destacadas. A primeira será o venres 29 de agosto ás 20:30 horas, cando o Monbus Obradoiro se enfrontará ao Leyma Coruña no Torneo San Roque, que se celebrará en Vilagarcía de Arousa. O luns 1 de setembro o equipo volverá medirse ao FC Porto, nun encontro que xa se converteu nun clásico da pretempada. Aínda está por decidir se este partido se disputará a porta aberta, xa que podería non ser un partido ao uso, senón máis ben un adestramento no que ambos conxuntos poidan deter o xogo para facer correccións.
Esa mesma semana, o venres e sábado, celebrarase unha nova edición da Copa Galicia na Coruña. Os emparellamentos das semifinais están aínda por confirmar.
Posteriormente o equipo viaxará a Oviedo para disputar o sábado 13 un encontro contra o equipo ovetense. Despois, o martes 16 de setembro, o Monbus Obradoiro xogará en Ponferrada fronte ao Zamora.
Como colofón á preparación antes do inicio da competición oficial, está prevista a organización dun partido de presentación en Santiago de Compostela. Aínda que tanto a data como o rival están por determinar, espérase que se dispute durante a fin de semana do 19 de setembro.
Ademais, o club está a traballar na organización dun adestramento a portas abertas o día 9 de setembro. Será unha oportunidade para que a afección poida reencontrarse co equipo e transmitir o seu apoio desde o primeiro momento da tempada. A data pode sufrir cambios, polo que cando se achegue o día o club avisará da data e hora exactas a través dos seus canais oficiais.