Noticia

"Nós non faltamos". O Monbus Obradoiro lanza a súa nova campaña de abonados

O Monbus Obradoiro presenta a súa campaña de abonados para a tempada 2025-2026 baixo o lema “Nós non faltamos”, unha mensaxe que reflicte, un ano máis, o compromiso mutuo entre o club e a súa afección. A misión está clara: continuar facendo do Sar un fortín e manter viva a paixón que converte cada partido na casa en moito máis ca baloncesto.

Este sentimento compartido refórzase co lema “Eu non falto”, que estará presente en cada abono como símbolo do compromiso individual de cada seareiro. Porque cada voz conta, cada asento ocupado suma, e cada abonado forma parte dunha mesma historia: a do Obradoiro, un club que non se entende sen a súa xente.


Período de renovacións

A campaña de abonados comezará o luns 16 de xuño de 2025 ás 10:00 horas. A partir dese momento, calquera abonado da pasada tempada poderá renovar o seu abono mantendo o mesmo asento. No caso de non renovar antes do 3 de xullo de 2025, o seu asento quedará liberado e dispoñible para o resto do público. Ademais, desde o 12 de xuño, calquera persoa poderá facerse nova abonada escollendo un asento libre.


Prezos

O prezo do teu abono dependerá da zona e da tarifa correspondente: Xeral, Baby (0-4 anos), Infantil (5-12 anos), Xuvenil (13-17 anos), Maiores de 65 anos ou Reducida.

Os nenos de 0 a 4 anos poden acceder aos partidos sen necesidade de abono, sempre que non ocupen asento. Porén, para garantir a comodidade tanto dos pequenos como das súas familias, continúa dispoñible o Abono Baby, cun prezo moi especial, que inclúe asento e todos os beneficios de ser abonado.

Como noutras ocasións, o Monbus Obradoiro ofrecerá un prezo reducido a persoas desempregadas durante máis de 6 meses (vida laboral actualizada), estudantes menores de 26 anos (carné de estudante, matrícula ou certificado do centro de estudos) e federados en baloncesto (licenza federativa). Sobre este prezo especial non se aplicará o desconto por renovación nin o de antigo abonado.



Descontos

Sobre o prezo de cada abono poderanse aplicar os seguintes descontos (non acumulables entre si) :

  • Abonados tempada 2024-2025: 15 % (mantense ata que comece a competición).

  • Abonados de tempadas anteriores á 2024-2025 (desde a 2011-2012): 5 %.

Unha vez aplicados estes descontos, poderanse aplicar os seguintes, acumulables entre si:

  • Familiar: Con só dúas persoas xa se aplica desconto (matrimonio, pai/fillo/a, nai/fillo/a e/ou dous irmáns/as. Os fillos e/ou irmáns deben ser menores de 26 anos) e poden estar en diferentes zonas. A medida que se suman membros, increméntanse os descontos: o segundo membro terá un 10%, o terceiro un 20%, o cuarto un 30%, e así ata o noveno, que terá un 80%. Estes descontos aplicaranse segundo a idade (tarifa Baby, Infantil, Xuvenil, Maiores de 65 ou Xeral) e a zona do pavillón.

  • Fidelidade: 5 % por ter sido abonado cinco tempadas.

  • Asistencia: 5 % por ter asistido aos 17 partidos da tempada 2024-2025.

  • Trae un amigo: O recomendado gozará dun 5% de desconto (non acumulable ao desconto por abonado de tempadas anteriores). O recomendador, se aínda non renovou, obterá un 5% este ano e outro 5% ao renovar a seguinte. Se xa renovou, beneficiaráse dun 10% de desconto na próxima renovación. Se o amigo renova a seguinte tempada, o desconto continúa. Por cada amigo que traías, podes chegar a obter o abono de balde.

  • Doazóns á Fundación Obradoiro: 100 € de desconto no abono e 50 € en entradas da tempada 2025-2026 por cada doazón de 150 € (dedución fiscal entre o 40 % e o 80 %, entre 60 € e 120 €).

O prezo final resultante será en euros sen decimais.


Como renovar?

Tes dúas formas de renovar o teu abono:


Formas de pago

  • Tarxeta de crédito/débito (non se acepta American Express).

  • Efectivo.

  • Financiación de 3 a 9 meses sen xuros (suxeito á aprobación da entidade financeira e gastos de xestión/formalización).


Condicións do abono

  1. A formalización e pago do abono dá dereito ao seu titular a ocupar o asento especificado no carné nos partidos celebrados no Multiusos Fontes do Sar, co Obradoiro como local, durante a Liga Regular "Primeira FEB", independentemente do número de equipos participantes.
  2. O abono non inclúe a entrada a partidos de Playoff ou outros encontros fóra da Fase Regular da Liga "Primeira FEB" que se disputen en Santiago co Obradoiro como local.
  3. A organización non se responsabiliza da perda ou roubo do abono. O acceso ao pavillón farase co carné en formato Passbook, que pode descargarse e abrirse con aplicacións como Apple Wallet (iOS) ou Passwallet (Android).
  4. A duplicación non autorizada ou reventa deste produto pode impedir o acceso ao partido, así como a retirada do abono.
  5. Condicións de acceso ao recinto segundo a Lei 19/2007 do 11 de xullo contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, artigo 6.
  6. A organización poderá denegar a entrada a quen non amose identificación e abono, ou presente un abono falsificado ou manipulado.
  7. Non se permite recoller datos estatísticos en directo dos partidos comprendidos neste abono con fins comerciais ou para distribuílos a terceiros sen autorización expresa da Federación Española de Baloncesto.
  8. Reservado o dereito de admisión.
  9. Aceptación do Regulamento Interno do recinto deportivo: “Pavillón Multiusos Fontes do Sar”.
  10. Se a normativa vixente en cada momento limitase o aforo dalgún partido, os abonados poderán ser reubicados en localidades da mesma categoría.
  11. En caso de restricións de aforo, os abonados terán preferencia fronte á venda de entradas en billeteira.
Destacado