Noticia

Sar, unha caldeira que segue acesa.

A primeira metade da tempada 2025/26 deixa unha mensaxe clara e contundente: Sar non falla. Nun contexto diferente, afrontando o segundo ano do Monbus Obradoiro en Primeira FEB, pero mantendo intacta a súa identidade, a resposta da afección volve ser exemplar. Un total de 36.654 espectadores acudiron aos oito partidos disputados como local, unha cifra que reflicte un respaldo constante e sostido máis alá da categoría.

Xornada tras xornada, Sar tínguese de branco, azul e vermello. Énchese de persoas que entenden o baloncesto como unha forma de vivilo en comunidade, como un espazo de encontro, de goce en familia e cos amigos, e como o principal evento deportivo da cidade. Esa conexión converte cada partido en algo máis ca un resultado: nunha experiencia compartida.

Este compromiso continuado tamén se estende ao tecido empresarial que apoia e patrocina o proxecto. Empresas e entidades que comparten valores fundamentais como o respecto, o traballo en equipo, o compromiso, a responsabilidade, o esforzo sostido, a convivencia e, sobre todo, a superación e a motivación. Valores que se traducen nun proxecto de confianza, capaz de achegar estabilidade e xerar valor nun contorno competitivo e esixente.

Do mesmo xeito, o Monbus Obradoiro mantén a súa vocación de ser un axente activo da sociedade compostelá, participando, apoiando e dando visibilidade a distintas causas. O club actúa como un verdadeiro proxector de imaxe para iniciativas que atopan en Sar un foco desde o que darse a coñecer e medrar.

Porque Sar non é só un pavillón. É unha cultura que empurra, que acompaña e que cre. Seguimos construíndo, xuntos.

Nós non faltamos.

Categorías
Destacado