Noticia

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e o Monbus Obradoiro unen esforzos en favor da doazón de san

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Monbus Obradoiro presentaron esta mañá en rolda de prensa unha campaña especial que terá lugar este mes de novembro, destinada a fomentar o xesto altruísta da doazón de sangue entre os veciños e veciñas de Santiago de Compostela. A directora da Axencia, Marisa López García, quixo agradecer ao Monbus Obradoiro a súa longa traxectoria de colaboración e compromiso co xesto solidario da doazón e pediu ao director xeral do club, Héctor Galán, que transmitise o recoñecemento polo seu compromiso altruísta a todos os membros da familia obradoirista.

A dirección de ADOS destaca a importancia da colaboración de colectivos e institucións procedentes de todos os ámbitos para lograr unha conciencia social favorable á doazón de sangue, como nesta nova ocasión está impulsando o Monbus Obradoiro, xa que combina os valores positivos do deporte co mensaxe de solidariedade que transmite a Axencia.

Pola súa parte, Héctor Galán mostrou o firme compromiso do club con diferentes causas sociais de grande importancia, como a que terá lugar este próximo mércores na Praza Vermella da cidade. “Así como o equipo recibe o apoio de innumerables afeccionados, cremos que é necesario devolvelo con actos que nos acheguen a eles e que, nalgúns casos, beneficien á sociedade. O ano pasado xa organizamos un evento similar con ADOS, e este ano non quixemos perder a oportunidade de que todos os obradoiristas poidan aportar o seu gran de area para aumentar o número de doazóns”.

Ademais, cómpre mencionar que, durante a tarde do mércores, parte da plantilla do Monbus Obradoiro visitará o autobús situado no centro de Santiago de Compostela para mostrar o seu apoio á causa e coñecer como funciona este tipo de unidades móbiles de doazón de sangue.

Regalando solidariedade

Durante a campaña de doazón do 26 de novembro, unha unidade móbil de ADOS estará estacionada na santiaguesa Praza Vermella de 15:30 a 21:00 horas para atender a todas as persoas que desexen doar sangue, e todas elas recibirán, como agasallo pola súa colaboración, unha entrada (ata esgotar existencias) cedida polo Monbus Obradoiro para o encontro que o equipo santiagués disputará o próximo sábado 6 de decembro fronte ao Flexicar Fuenlabrada no Multiúsos de Sar. Ademais, todas as persoas que doen sangue participarán no sorteo dunha camiseta asinada polo plantel de xogadores do Monbus Obradoiro.

Durante os días previos a esta campaña especial de doazón, tanto a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue como o equipo compostelán están informando nas súas redes sociais sobre a importancia de participar activamente nas campañas de doazón de sangue e, concretamente, convidando a doar sangue o próximo mércores 26 de novembro.

Índice de doazón

A directora da Axencia recordou o carácter solidario dos veciños e veciñas de Santiago de Compostela que, no pasado ano 2024, situaron á capital galega como a primeira das sete grandes cidades galegas en taxa de doazón, cun índice de 85 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, grazas ás 8.457 doazóns rexistradas durante o pasado exercicio.

ADOS quere agradecer a todos os membros do Monbus Obradoiro (directiva, corpo técnico, xogadores, seguidores e seguidoras,…) a súa especial sensibilidade en torno á doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso para impulsar este xesto solidario en Santiago de Compostela, agardando que, coa súa contribución, a cidade continúe sendo un dos concellos galegos con maior número de doazóns de sangue.

Categorías
Destacado